Tuesday 30 de April de 2024

O Trail Nocturno de Lousame “Fervenzas de Toxosoutos” será libre de plásticos e terá lugar o vindeiro 29 de xuño


 

Incluirá unha andaina gratuíta previa para ver a posta de sol dende o Monte Culou na que poderán participar 70 persoas

A contorna de Toxosoutos (Lousame) acollerá na noite do vindeiro sábado 29 de xuño dous eventos deportivos abertos á participación da cidadanía: a primeira edición do Trail Nocturno de Lousame “Fervenzas de Toxosoutos” e a andaina nocturna “Posta de Sol no Monte Culou”. Dúas iniciativas para as que xa está aberta a inscrición na web www.emesports.es ata as 23:59 horas do xoves 27 de xuño: 12 euros no caso do trail e de balde na andaina.

Ambas iniciativas foron presentadas esta mañá en Toxosoutos pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; e polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero; que estiveron acompañados por Miguel García, director de proxectos de Karios The Experience Company (empresa xestora do albergue de Toxosoutos); María Luisa Ferreiro, representante da empresa turística Galicia Es + ; e Ezequiel Mosquera, xerente de EmeSports.

Teresa Villaverde animou á veciñanza a participar “en dúas actividades moi interesantes: unha como o trail, máis pensada para persoas especializadas, e outra máis para amateurs, para xente que queira ver o atardecer dende o Monte Culou”. Así, destacou que “Lousame é o balcón da Ría de Muros-Noia: non temos mar, pero contemplamos o mar desde a altura”. Neste sentido, a alcaldesa de Lousame lembrou que están traballando na posta en marcha de varios miradoiros no municipio: “un deles será o do Monte Culou pero o primeiro será o da Muralla”.

Características da proba

O Trail, que sairá de San Xusto ás 22:30 horas, consta dun percorrido de 14 km de dificultade media por distintos tipos de terreo, con algunha zona técnica e zonas rápidas. Unha proba cun desnivel positivo de 562 metros e un desnivel negativo de 556 metros, o que supón un desnivel acumulado de 1.118 metros. Os percorridos estarán sinalizados e controlados por persoal de Protección Civil e do Voluntariado de Lousame.

Néstor Romero explicou que “salvo tres puntos, é un trail apto para calquera persoa que practique este deporte”. Os tres puntos máis técnicos son “ao principio, uns 800 metros a carón do río Vilacoba, pois é unha zona moi exposta e con moitas raíces. Despois hai unha baixada doutros 800 metros polo cortalumes do Monte Culou nos que hai que ir con precaución. E nos 500 metros antes da meta hai unha baixada pola fervenza na que hai que ter moito coidado”.

Para participar só é preciso ser maior de idade e posuír unha mínima condición física. Así mesmo, será obrigatorio levar unha luz frontal, con batería suficiente para completar o percorrido, dispoñer dun calzado axeitado e levar teléfono móbil durante toda a carreira. “Sen luz frontal ou sen móbil, non se poderá saír”, advirte Néstor Romero. Haberá dispoñibles 250 prazas, que se outorgarán por orde de inscrición en www.emesports.es.

Xornada libre de plástico

Pola súa banda, Villaverde destacou que “trataremos de non utilizar plástico durante a xornada, nin na sinalización, nin nos dorsais, nin nos avituallamentos… É un costume que todos temos que corrixir para usar o menos posible un elemento tan prexudicial para o noso medio ambiente”. De feito, quen queira coller bebidas isotónicas no posto de avituallamento deberá levar o seu propio recipiente, xa que non haberá nin botellas nin vasos de plásticos.

Un punto no que incidiu tamén María Luisa Ferreiro, de Galicia Es+, quen explicou que “o turismo deportivo é unha tendencia actual moi interesante por ser un turismo desestacionalizador. Os que viaxan por deporte teñen un perfil moi concreto, que apoian a sustentabilidade. Son un viaxeiro consciente”, que desfrutará da iniciativa. Como empresa promotora da andaina nocturna “Posta de Sol no Monte Culou”, Ferreiro indicou que “serán 6 quilómetros, 3 de ida e 3 de volta, para os que recomendamos levar roupa e calzado cómodos. Sairemos ás 21:00 horas, polo que hai que estar antes porque o sol non espera, e falaremos da cultura dos nosos devanceiros, como é a adoración ao sol”. Unha iniciativa pensada especialmente para as persoas acompañantes dos participantes no Trail, pero está aberta a calquera persoa. A participación é totalmente gratuíta, se ben está restrinxida a 70 participantes, que deberán anotarse en EmeSports antes do 27 de xuño.

Cea e promoción

Pola súa banda, o xestor do albergue de Toxosoutos explicou que este trail e andaina suporán “a posta de largo do noso aloxamento turístico”, que ofrecerá unha cea gratuíta para todos os participantes no trail e á que se poderán sumar todas as persoas que o desexen por 6 euros. “Será un menú mariñeiro, composto por mexillóns, arroz e algunha que outra sorpresa”, adiantou Miguel García.

Finalmente, Ezequiel Mosquera amosouse sorprendido pola beleza da contorna de Toxosoutos, “un lugar polo que pasei moitas veces pola estrada pero non sabía que había isto tan pretiño”. Neste sentido, destacou que “non hai mellor forma de expoñer os atractivos dun concello” como este tipo de iniciativas, “e en Lousame un dos elementos máis atractivos é o seu monte”. O I Trail Nocturno de Lousame “Fervenzas de Toxosoutos” está organizado polo Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame, en colaboración con Rekord Sport material deportivo, Hoka One One, Kairos the experience company, Lurbel Precision Garment e Galicia es +, xestión de eventos con alma.